En As mans negativas, os travellings deseñan un paso lento a través de París, que se cruzan con debuxos de mans nunha cova magdaleniense. Oda á humanidadr, reflexión sobre as cuestións políticas contemporáneas do poscolonialismo e o capitalismo, este fita pertence a un ciclo de catro curtametraxes estreadas por Marguerite Duras en 1979. Fronte a outros títulos nos que Duras leva á pantalla algúns dos seus relatos, neste ciclo o texto ven a se inserir sobre as imaxes, ou por tras delas, nunca as acompañas. Sen chegar ao limite da experimentación cinematográfica como fará na década dos oitenta, aquí Duras propón as premisas, comezando por ir alén da disociación entre imaxe e banda sonora.
Libro perdido atopado, pola súa banda, é o resultado duns cinco anos de filmación en Super 8 e 16 mm nas rúas de Nova York. Mestura de documentario e filme narrativo, esta mediometraxe de Jem Cohen xira arredor dun misterioso caderno cheo de listas obsesivas de lugares, obxectos e acontecementos que serven como porta a unha cidade oculta. Meditación complexa sobre a vida da cidade, influenciada pola obra de Walter Benjamin, neste seu primeiro traballo en Nova York, Cohen filma en centos de localizacións, polo xeral sen ningún tipo de equipo, para crear “un arquivo de planos e sons sen dirixir, e logo presentalos para explorar a fronteira” entre xéneros cinematográficos.
Máis coñecida polo seu labor como escritora, Marguerite Duras (Saigón, 1914 – París, 1996) comezou a súa carreira como realizadora descontenta polas adaptacións que se fixeran das súas propias. En 1967 realiza o seu primeiro filme, La musica, codirixida con Paul Seban, á que seguirá, xa en solitario, Destruír, dixo ela en 1969. Nathalie Granger (1971), A muller do Ganxes (1972), India Song (1974), Baxter, Vera Baxter (1977), O camión (1977), Cesarée (1978), Aurélia Steiner (Melbourne) (1979) ou Aurélia Steiner (Vancouver) (1979) son outras das obras dunha filmografía como directora que se pecha con Os nenos (1985).
Pola súa banda, Jem Cohen, nacido en Kabul en 1962, é un cineasta norteamericano especialmente coñecido polos seus traballo en 16mm, Super 8 e vídeo, especialmente retratos de paisaxes urbanas ou colaboracións con artistas musicais. Entre os seus traballos, que comezaron en 1983 con Unha estrada en Florida, pódense destacar Enterrado en luz (1993), Lucky Three (1997), Instrumento (1999), Benjamin Smoke (2000), Cadea (2004), Building a Broken Mousetrap (2006), Horas de museo (2012) ou Contar (2015). O seu último filme até a data é Un mundo sen fin (Sen incidentes reseñados), do 2016.
A seguinte cuarta feira, 18 de xaneiro, a programación do Cineclube vai continuar coa proxección de Branca de Neve (Branca de Neve, Portugal, 2000), de João César Monteiro, unha adaptación da obra homónima de Robert Walser, revisión do conto tradicional, caracterizado por estar filmado practicamente sen imaxes, unha proxección en negro cuns poucos planos inseridos.
Os filmes serán proxectados en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o seu funcionamento, propoñen unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
XANEIRO 2017
Mércores 11 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
As mans negativas
(Les mains négatives, Marguerite Duras, Francia, 1978, 14', VOSG)
Libro perdido atopado
(Lost Book Found, Jem Cohen, EUA, 1996, 35', VOSG)
Mércores 18 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
Branca de Neve
(Branca de Neve, João César Monteiro, Portugal, 2000, 75', VOSG)
Mércores 25 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
Linguas desatadas
(Tongues Untied, Marlon Riggs, EUA, 1989, 55', VOSG)