En marzo de 1967, Chris Marker recibe unha carta do Centro Cultural do Pobo, organismo que participaba da ocupación da fábrica Rhodiaceta en Besançon, solicitándolle os seus filmes para proxectar na factoría. Marker acepta e viaxa até a fábrica, para, unha vez alí, coller a cámara de 16 mm e filmar a folga. Este acontecemento dará lugar ao filme Até logo, espero (1968) mais, sobretodo, á unión de traballadores e cineastas para a creación en común de filmes militantes, baixo o nome de Grupos Medvedkine (polo realizador soviético Aleksandr Medvedkin). Desta iniciativa, que durará até 1974, participará xente como o propio Marker, Jean-Luc Godard, Joris Ivens, René Vautier, Jacqueline Meppiel ou Bruno Muel.
Da primeira sección, a de Besançon, poderemos ver a mediometraxe Clase de loita, o primeiro filme realizado so a bandeira do Grupo Medvedkine. Esta fita segue a creación dunha sección sindical da CGT nunha fábrica de reloxaría en Besançon, a vila onde se fabrican un terzo dos reloxos franceses. Suzanne Zedet, obreira que enfronta seu primeiro traballo militante, loita por mobilizar ao resto de mulleres da factoría, fronte á desconfianza dos dirixentes sindicais e as ameazas da patronal.
Pouco despois do estabelecemento do primeiro grupo, nacería unha nova sección dos Grupos Medvedkine, a de Sochaux. A súa primeira curtametraxe, realizada en boa parte coa colaboración coas compañeiras de Besançon, é a que poderemos ver nesta sesión: Sochaux, 11 de xuño de 1968. Este filme relata un dos episodios máis violentos do maio do 68 francés: o asasinato de dous obreiros da fábrica Peugeot polos antidisturbios nun enfrontamento que deixou tamén cento cincuenta feridos.
O terceiro filme que poderemos ver este mércores, Posto que vos dín que é posíbel, está realizado fóra da actividade dos grupos Medvedkine mais participa en bo grado da lóxica desta iniciativa comunitaria. En 1973, o persoal da fábrica Lip de Besançon toma o control da fábrica tras unha folga e dirixe con éxito a empresa desde a autoxestión. Os traballadores convidan ao colectivo CREPAC (Centro de Investigación da Educación Popular e a Acción Cultural) a filmar a experiencia. Con case oito horas de material CREPAC pide axuda a Chris Marker para facerse cargo da montaxe e dar forma aos 47 minutos finais da mediometraxe.
A seguinte cuarta feira, 8 de febreiro, o Cineclube vai ter como protagonista de novo a unha cooperativa, cunha sesión especial dedicada a Tractora Coop., fundada por Usue Arrieta, Vicente Vázquez, Marc Vives e Ainara Elgoibar en 2013 co obxectivo de crear unha estructura que axude aos artistas/cineastas na produción do seu traballo. A sesión vai constar da proxección de Gold 20 (Ainara Elgoibar, País Vasco, 2015), Pasaia bitartean (Irati Gorostidi, País Vasco, 2015) e Lycisca (Gerard Ortín, País Vasco, 2016), e vai contar coa presenza de Ainara Elgoibar, Gerard Ortín, Vicente Vázquez e Usue Arrieta. Esta sesión foi parte do programa Factory Detour: Reassembling the line, proxectado hai uns meses no Anthology Film Archives de Nova York e cuxa outra sesión, dedicada aos filmes de Usue Arrieta e Vicente Vázquez, podera verse o luns 13 en Numax.
Os filmes serán proxectado en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o seu funcionamento, propón unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
FEBREIRO 2017
Mércores 1 de febreiro ás 21:30 no Pichel
Clase de loita
(Classe de lutte, Grupo Medvedkine de Besançon, Francia, 1969, 40’, VOSG)
Sochaux, 11 de xuño de 1968
(Sochaux, 11 juin 1968, Grupo Medvedkine de Sochaux, Francia, 1970, 19', VOSG)
Posto que vos dín que é posíbel
(Puisqu'on vous dit que c'est possible, Autoría colectiva, Francia, 1973, 47’, VOSG)
Mércores 8 de febreiro ás 21:30 no Pichel
TRACTORA COOP: TRABALLOS 2014/2016
Gold 20
(Gold 20, Ainara Elgoibar, País Vasco, 2015, 17', VO)
Pasaia bitartean
(Pasaia bitartean, Irati Gorostidi, País Vasco, 2015, 51', VOSE)
Lycisca
(Lycisca, Gerard Ortín, País Vasco, 2016, 43', VO)
Mércores 15 de febreiro ás 21:30 no Pichel
Carruaxe a Viena
(Kocár do Vídne, Karel Kachyňa, Checoslovaquia, 1966, 78', VOSG)
Mércores 22 de febreiro ás 21:30 no Pichel
Os salteadores
(Szegénylegények, Miklós Jancsó, Hungría, 1966, 90', VOSG)