Publicidade

Diário Liberdade
Sexta, 21 Julho 2017 00:00 Última modificação em Sexta, 21 Julho 2017 00:04

Os comunicados polo Dia da Pátria 2017

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Direitos nacionais e imperialismo / Fonte: Diário Liberdade

Reproduzimos a seguir os comunicados emitidos por diversas organizaçons da esquerda galega diante do 25 de julho, Dia da Pátria Galega. Nom tivemos acesso aos posicionamentos de Anova e BNG, se eles fôrom já emitidos.


Movimento Galego ao Socialismo

Paso a paso, independencia e socialismo

 Para o soberanismo galego ábrense oportunidades neste ciclo, aproveitando a relativa mellora da percepción social que atravesa o soberanismo a nível político. A falta de alternativas críbeis ás organizacións sistémicas xeran oportunidades que, de non seren aproveitadas, non redundarán na mellora das posicións políticas nacionalistas. É momento de apresentármonos como unha forza política e social que ten propostas concretas, tácticas e estratéxicas, que son substancialmente diferenciadas do resto de forzas políticas, sen ideas e submisas ás axendas que marcan as súas respectivas direccións estatais. Remarcar o perfil propio das propostas soberanistas axudará a facernos ver como a única alternativa á situación de devalo e destrución económica, social, ambiental ou demográfica que vive Galiza.

Ademais, o debate soberanista no Estado estará nun punto álxido neste ciclo debido ao proceso independentista que se vive en Cataluña: o soberanismo ten que aproveitar para dar un debate en chave galega, que combine por un lado a defensa do dereito democrático a decidir das nacións frente a un Estado autoritario e o apoio á súa independencia, e por outro sinalar as melloras concretas que se derivarían de acadarmos a soberanía no noso país.

Sabendo que a situación e conxuntura de cada país é moi diferente, o repto é non só a asunción das propostas concretas e razoábeis que o nacionalismo pon sobre a mesa, mais incardinar esas propostas no programa global de transformación que defende o soberanismo, de forma que pasemos a gañar a hexemonía ideolóxica na sociedade, avanzando de sermos unha minoría, aínda que significativa, a sermos maioría. Dada a correlación de forzas no país que impide polo de agora a xeración de propostas de avanzos de calado partilladas con outros actores, é nesa acentuación do perfil propio que debemos apostar.

Para lograrmos eses avanzos, precisamos actuar en diversas frontes, tanto sectoriais, de coordenación, como de tipo de traballo. Por un lado, é preciso estreitarmos a colaboración xa existente nalgúns campos entre todas as entidades e organizacións que partillan o obxectivo da soberanía nacional e formalizala, de forma que poidamos, desde o respecto á autonomía de cada quen e de forma horizontal, partillar análises e deseñar actuacións en común.

En concreto, é fundamental aproveitar colectivamente a forza do sindicalismo nacionalista: se a soberanía é a ferramenta para vivermos mellor, a consecuencia inmediata é que o foco fundamental do soberanismo, tamén a nível político, debe estar na clase traballadora e clases populares e as súas condicións materiais de existencia, algo que se debe reflectir nas súas propostas, campañas, actuacións e discurso — que non poden ser maioritariamente asépticas desde a óptica de clase.

A difusión das nosas propostas e a presión social que só pode darnos a mobilización e activación da nosa base social é imprescindíbel. Ese vector fundamental ten que ir acompañado sempre dunha actuación a nivel institucional que reforce esas dinámicas, desde o nível local até o nacional. Neses espazos é fundamental mantermos á vez unha xestión exemplar, transparente e transformadora co confronto, legal e simbólico, cos corsés estatais impostos ao noso país: desde o financiamento local e as regras do défice até a imposición da bandeira española, a figura do xefe do Estado e o seu exército. É momento ademais para, por fin, reforzarmos a coordenación dos espazos locais onde a nosa presenza institucional é maior cunha axenda nacional, de forma que iniciativas exitosas a nivel local non fiquen como casos isolados e pontuais, estendendo ao conxunto do país esas propostas, o que dará máis potencia e visibilidade ás nosas actuacións.

A focaxe de todas estas iniciativas non pode ser, pois, unicamente segmentaria e sen ligazón: a simple colocación de demandas puntuais, unha tras outra, por moi adecuadas ou socialmente sentidas que sexan cada unha delas non xerará aumento ningún da conciencia nacional se ficaren á marxe dun contexto global dentro dunha explicación estrutural das causas da dependencia ou se os males son atribuídos apenas á deficiente ou nula actuación do goberno que en cada momento ocupar a Xunta ou o Estado. É o modelo autonómico que nega a soberanía e a nosa capacidade de dispor de instrumentos para mudarmos a realidade dentro do sistema capitalista a razón fundamental que subxace baixo estes problemas, e cómpre non só analizalo, como tamén espallalo.

É tan preciso non enunciar no baleiro a necesidade da soberanía, de forma que se percibise como unha demanda abstracta, e mostrar os aspectos concretos en que substancia esa necesidade, como conectar esas demandas puntuais coa reivindicación global, de forma que non poda ser subsumida polo sistema sen provocar contradicións. O marco xeral de actuación onde se insiren todas as demandas debe ser, pois, a necesidade da ruptura democrática en todas as ordes, e non só mudanzas parciais, necesarias, mais que poden ser revertidas ou diminuídas nun marco sistémico que non controlamos.

A denuncia das deficiencias que apresentan as redes de transporte en Galiza, for por estrada, camiños de ferro, conexións portuarias ou aéreas non pode verse desligada das limitacións legais impostas ao noso país para proceder ao ordenamento destas cuestións. Neste caso, como noutros, haberá que remarcar que estas limitacións proveñen de Madrid, dun deseño e duns intereses alleos que privilexian conexións exteriores, ordenacións estatais que nos prexudican e beneficios empresariais considerados a curto prazo, e non as necesidades das galegas e galegos, e que polo tanto só superando o actual marco legal poden ser definitivamente resoltos.

A cuestión enerxética non pode ser desligada igualmente da necesidade da propriedade, xestión e control público galego das súas infraestruturas, da súa ordenación e explotación, unha en maos estatais e outras en maos de capital transnacional, de forma que necesidades como a xestión hídrica, eléctrica e enerxética respondan a criterios públicos como servizos básicos e universais, de sustentabilidade ecolóxica, etcétera.

As loitas pola manutención e ampliación dos servizos de sanidade, educación, pensións, servizos sociais, etc. non poden ser desligadas da necesidade dunha facenda soberana, e de igual forma as reivindicacións laborais teñen que ter presente a necesidade dun marco galego de relacións laborais soberano que garanta o dereito a un traballo digno, onde toda a lexislación de aplicación sexa decidida aquí e non en Madrid.

No ámbito da lingua precisamos facer patente a falta efectiva de dereitos individuais e colectivos para vivirmos en galego de forma exixente e masiva, desde o ensino até o sector servizos, así como nos postos de traballo, resultado non só das prohibicións da Xunta de Galiza, a cativa lexislación galega, e da ruptura dunha anterior suposta “pax lingüística” que tamén condenaba o galego ao devalo. A situación é tamén resultado dun ordenamento constitucional que sitúa os idiomas que non son o español nunha situación de puro voluntarismo e falta de necesidade de uso, nunha “suboficialidade” que impide resolver o conflito lingüístico — que sempre existiu — de forma favorábel ao galego.

Todas estas cuestións teñen que ter o seu reflexo equilibrado no discurso público da organización política e do conxunto do soberanismo, combinando as explicacións concretas coa alternativa xeral, de forma que a demanda da soberanía estea presente de forma constante no discurso político: é necesario que a extracción pública das conclusións e consecuencias das demandas inmediatas non estea escurecida, desaparecida ou fique á vontade das persoas que fan a transmisión pública das alternativas do nacionalismo, aplicando no seu conxunto as directrices que emanan do aprobado de forma colectiva dos organismos e asembleas.

Nun momento en que a sociedade vive de forma intensa as consecuencias da actual crise sistémica, onde o desemprego e a precariedade configuran o día a día da maior parte dos galegos e galegas, cunha ideoloxía imperante que fomenta o individualismo e o “sálvese quen puder”, a criación e activación de tecido popular a todos os níveis desde o asociacionismo de base é unha tarefa urxente dos soberanistas: a participación e o impulso de iniciativas sociais en todos os campos, cunha perspectiva nacional e popular, do máis local até o nacional e o internacionalismo axudará ao aumento de conciencia e á referencialidade dos militantes e base social nacionalista.

Só desde unha actuación constante e firme no cultural, no lingüístico, na defensa e ampliación dos servizos públicos, da clase traballadora en cada conflito, do territorio frente ás agresións, seremos quen de socializar e visualizar ese proxecto propio e diferenciado dunha Galiza dona de si e socialmente xusta. Ademais, isto contribuirá ao necesario aumento da militancia e base social soberanista, e á formación, promoción e relevo de cadros políticos, cuestión imprescindíbel para afrontarmos con garantías todas as tarefas que requer un movemento social e político como o noso, que procura unha transformación completa da realidade social, para o que se precisa ter continxentes aínda mais amplos dispostos ao activismo e á actividade política.

Todas estas iniciativas, tanto propostas e campañas das organizacións como actuacións institucionais servirán pois á “pedagoxia” soberanista imprescindíbel: as demandas e a práctica mostrarán á sociedade que a forma de avanzarmos na mellora das condicións de vida é através da vía soberanista, avanzando paso a paso cara unha República Galega independente no camiño do socialismo.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo chamamos a participar na manifestación nacional convocada polo BNG no Día da Patria, e que sairá ás 12h da Alameda de Compostela.


Causa Galiza

Causa Galiza chama o povo galego a reclamar a independência nacional neste Dia da Pátria

Após a tentativa fracassada do passado 17 de junho para celebrar um Dia da Pátria unitário junto a BNG e Anova, onde se reivindicasse com claridade a independência nacional como única saída possível para a nossa soberania política, Causa Galiza ativou a sua própria convocatória de campanha e manifestaçom independentista, que é a primeiro que celebramos após a recuperaçom da condiçom de organizaçom política legal.

Causa Galiza acha aliás que a constituiçom do nosso próprio Estado é a única opçom estratégica acorde com os interesses da maioria social, pois qualquera modalidade de regime autonómico perpetuará o estatuto colonial do País. A lonjania aparente deste objetivo nom deveria ser escusa ou coarctada para ocultá-lo alegando “incompreensom social” ou, pior ainda, substitui-lo por opçons de “melhora autonómica” que, além de inviáveis na correlaçom de forças atual, som inúteis para elevar o nível de consciência nacional e resolver as problemáticas da naçom e do povo.

É por esta razom que Causa Galiza apela neste 25 de julho a apostar na construçom do projeto político e a estratégia independentistas e no compromisso militante, colocando a independência nacional já nom apenas como a consequência lógica do facto de sermos umha naçom colonizada, mas como a única opçom que permitirá dotar a Galiza das ferramentas imprescindíveis para deixar atrás o paradigma do povo empobrecido que habita um território rico em recursos e possibilidades.

Reptos imediatos

A claridade estratégica e a disposiçom plena para enfrentar a futura reforma do regime autonómico som insuficientes se, à sua beira, faltam táticas acertadas, militáncia, organizaçom, linha política, a confiança e a legitimaçom subjetiva de milhares de independentistas galegas e galegos, etc. Estamos conscientes de que o Independentismo Galego atual carece, ainda, destes elementos e a sua satisfaçom torna-se, portanto, o repto a abordar e resolver com mais urgência nestes tempos.

Causa Galiza fixa como objetivos urgentes a consolidaçom organizativa que possibilite intervir politicamente de jeito sistemático e a atualizaçom da estratégia independentista. Hoje, estamos num fim de ciclo, já nom só do regime neofranquista, que se apresta a reinventar-se para que todo siga atado y bien atado ao serviço da oligarquia espanhola, mas, também, da lógica independentista dos 15 últimos anos. É tempo de redimensionar táticas, linhas de açom, clarificar objetivos imediatos e ganhar a confiança e a participaçom de centenas de independentistas. Este Dia da Pátria é o primeiro passo nesta direçom.

Assembleias abertas, campanha e mobilizaçom

A organizaçom indepedentista convocou nestas semanas nove assembleias abertas para o desenvolvimento da campanha informativa para o Dia da Pátria. Esta contará com atividade propagandística, palestras, distribuiçom de folhas informativas, etc., visando umha campanha intensa que coloque a reclamaçom independentista como única opçom estratégica para a construçom nacional e a superaçom do atual modelo sócio-económico e continue a acumular forças por volta deste projeto.


Agora Galiza

25 de Julho, Dia da Pátria
REBELIOM POPULAR
Independência e Pátria Socialista

Espanha é um Estado autoritário em deriva fascistizante. O capitalismo um sistema socioeconómico injusto que gera exploraçom, desigualdade e miséria. O patriarcado um sistema que perpetua a discriminaçom, dominaçom e opressom da maioria social, as mulheres.

Este quadro tam adverso só pode ser transformado mediante um processo revolucionário de orientaçom socialista dirigido pola classe trabalhadora. Sem a auto-organizaçom e a mobilizaçom permanente do povo trabalhador nom será viável a necessária ruptura.

Nem Espanha, nem o capitalismo, nem o patriarcado som reformáveis. Estes som os inimigos reais da nossa classe, da nossa naçom e das mulheres.

A alternativa populista à multicrise do regime espanhol postfranquista, que se agudiza de forma paralela à crise estrutural do capitalismo, só conduz à derrota porque as suas deficiências congénitas tendem à conciliaçom e o pacto e porque nom questiona o paradigma centralista do chauvinismo espanhol.

O aparente sucesso da via eleitoral tem anestesiado o movimento popular, tem desmobilizado à classe trabalhadora, tem constringido a luita de libertaçom nacional da Galiza, tem abduzido e esterilizado a capacidade combativa de importantes segmentos populares.

A alternativa ao regime bourbónico emanado do lifting franquista, nom emergerá de moçons de censura nem de maiorias aritméticas eleitorais. A rua é o espaço onde se forjará e reconfigurará a alternativa operária e popular frente este presente de miséria carente de um futuro melhor.

A crise capitalista nom só provocou a perda de direitos laborais, corte de liberdades, a assimilaçom e agudizaçom da opressom nacional, reforçamento do machismo e do patriarcado; a crise capitalista também provocou a implosom das forças revolucionárias galegas. E sem estas ferramentas nom é possível transitar da indignaçom à revolta, da luita espontánea ao combate organizado. Eis polo que a dia de hoje é tarefa prioritária reconstruí-las.

Frente às inofensivas caldeiradas supeditadas à metrópole disfarçadadas de unidades populares, frente ao nacionalismo autonomista de fino verniz soberanista, frente ao independentismo sucursalista, Agora Galiza tem a firme determinaçom de seguir reconstruindo passo a passo a esquerda independentista, socialista e feminista galega. Nom claudicamos, nom repregamos nem arriamos as bandeiras.

Consideramos essencial dotar à classe trabalhadora, à Pátria e às mulheres dumha força política e social para luitar. Para combatermos eficazmente contra o sistema e o regime, nom só contra umha das suas expressons, o PP. Fazemo-lo afastados do fetichismo da alternáncia eleitoral, da política espetáculo, da charlatanaria caudilhista, do quadro autonómico, das instituiçons burgueses.

40 anos de “democracia burguesa espanhola” constatam a necessidade de dinamitar os alicerces do sistema e do regime, e a impossibilidade de regenerá-lo.

Fazemo-lo sem solicitarmos autorizaçom a ninguém, afastados das inércias e as comodidades, armad@s de audácia e ambiçom revolucionária, legitimad@s pola nossa indiscutível trajetória de combate, avalados por décadas ao serviço do povo trabalhador galego. Eis polo que apelamos a quem queira contribuir com o seu talento e força de vontade, com o seu suor e energia, a reforçar as nossas fileiras, que tem as portas abertas. Nada prometemos nem nada damos em troca, salvo fé na vitória popular e na Revoluçom Socialista, e a satisfaçom do dever cumprido.

O direito à rebeliom deve ser o eixo e a guia da prática do movimento de libertaçom nacional galego e a equaçom Independência/Socialismo a centralidade tática e estratégica do nosso horizonte, seguindo os exemplos da Revoluçom Bolchevique e do Che Guevara.

Neste Dia da Pátria manifestamos o nosso compromisso para libertar à Galiza da opressom nacional que padece por Espanha e a UE, tarefa inexoravelmente ligada à superaçom do capitalismo, mediante a construçom dumha sociedade socialista.

A luita é o único caminho!
Viva Galiza ceive, socialista e feminista!


Corrente Vermella

Coa Clase Traballadora
O 25 Xullo em Compostela

O 25 de Xullo é o día no que o pobo galego reivindicase como nazón, para loitar por exerce-lo direito á autodeterminación; mas non todo pobo galego visualizase nese dia, a clase obreira, coas suas reivindicacións de xornadas, salários, convênios, ... desaparece, disolvendo-se nesa idea xeral de “pobo” ou “nazon”.

Os últimos meses a clase traballadora galega, desde diversos sectores, comezaron a espertar despois de anos paralisada polas políticas electoralistas das cúpulas sindicais... Todas, desde as traidoras como CCOO e UXT, ate as mais combativas como a CIG, puxeron as esperanzas de botar o PP e de cambio nuns resultados electorais. Agora, pasada a orxia do voto, veñen as resacas: a clase traballadora ve como todos os seus problemas (baixos salários, precariedade, longas xornadas de traballo,...) son exatamente os mesmos que antes de entrar nesa orxia.

Comezaron as precárias da Administración contra a funcionarización por decreto, e seguiron mais recentemente o metal de Coruña, Ourense e Pontevedra, o transporte, Ferroatlántica, Citroen, a poboación de As Pontes, Outes, e outros lugares. Houbo e há folgas e manifestacións obreiras em toda Galiza, e cara o 25 de Xullo todas elas desaparecen dos discursos dos convocantes, como se non existiran.

A clase traballadora tem a suas reivindicacións próprias (salario, pensions, xornada, convênios, condicions de traballo, etc.) que xuntanse ás que tem como pobo, a língua, a defensa da terra, o rexeitamento dos planos de infraestructuras ao servizo de reforzar a opresión nacional e o centralismo, como o AVE ou o plan de Ttes da Xunta. De feito, é a clase obreira a mais perxudicada pola inexistência dun transporte publico galego, integrador, pois moitos traballadores e traballadoras vense na obriga de ter coche particular, e detraer do seu salario 200 euros / mes para ir e vir o traballo. Faise carne de cañon da emigración.

O 25 de Xullo a clase Traballadora tem que visualizar o seu papel central na sociedade, as suas esixencias e reivindicacións, lles gosten ou non á pequena burguesia urbana e rural, aos que esas reivindicacións non lles importan nada, senon que beneficianse dela, das reformas laborais do PPSOE. As organizacións da clase obreira non teñen que subordinarse a ninguen: non chega com dicer que se defenden os interesse da clase traballadora, e cando chega o dia da Patria Galega, esquecer que existe.

As Marchas da Dignidade e as organizacións que fan parte delas, a CIG, e as organizacións que por motivos ideoloxicos non asumen que a opresión nacional influe sobre as condicions laborais da clase traballadora, como a CGT, alen das organizacións políticas que a reivindican como suxeito social do cambio, teñen que conformar un Bloque de Clase e Combativo, onde o centro sexa a loita da clase obreira polas suas reivindicacións especificas e pola unidade das loitas.

Um Bloque que levante como bandeira a derrogación das reformas laborais do PPSOE, a defensa dos servizos 100% públicos e a nacionalización dos servizos privados ou privatizados, a defensa de todos os postos de traballo, a defensa do sistema de Pensións públicas, a loita contra todo tipo de precariedade laboral, etc... E que estableza um “cordon sanitário” ao redor das cúpulas sindicais de CCOO e UXT, que como demonstraron em Ferroatlántica ou no pacto do Transporte, son os responsabéis, dentro da classe traballadora, da situación actual.

A clase traballadora e o pobo non podem esperar nada de novas eleccións, ni de pactos sociais que so levan a novos retrocesos; o camiño é, como din as Marchas da Dignidade, a loita na rúa contra a Unión Europea e as políticas que desenvolve a Xunta e o Goberno Central.

Corrente Vermella chama ao pobo traballador galego a manifestarse este 25 de xullo ás 12 na Alameda.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar