Traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra, que están en greve indefinida dende o 26 de outubro, trasladaron este luns até a sede de Inditex en Arteixo as súas protestas en demanda da aplicación das melloras laborais pactadas noutras provincias e rematar así coa discriminación que padecen.
O persoal desenvolveu unha concentración ás portas da sede central de Inditex, onde berraron consignas como "Bershka solución, Inditex negociación", "A igual traballo, igual salario", "Traballo en Inditex e non chego a fin de mes" ou "Amancio millonario, traballo en precario".
Dende CIG-Servizos lembran que a decisión de ir á greve indefinida foi adoptada despois de que Bershka se negase, ao igual que Kiddy's Class, a equiparar laboralmente ao persoal pontevedrés co da provincia da Coruña.
Entre os aspectos que o persoal de Bershka pretende mellorar salientan cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente. Neste senso, as traballadoras denuncian que o 90% do persoal está a tempo parcial, que cobran 130 euros menos que nas demais cadeas do grupo téxtil, que lles obrigan a realizar horas complementarias en lugar de incrementarlles a xornada, que non poden gozar nin de 15 días de vacacións en xullo e agosto, ou que cos horarios que teñen non poden conciliar a vida laboral e familiar.
Para mañá, martes, está prevista unha reunión en Santiago de Compostela coa Dirección de Recursos Humanos, mais "a greve continúa xa que de momento non hai ningún acordo", apuntaron.