As arredor de medio cento de persoas que partiparon no roteiro, que partiu do adro da igrexa de San Xián, percorreron un treito do rego de Castiñeiras e, logo de catro horas de ruta, puideron gozar do solpor dende o miradoiro do Pornedo, ao carón dos montes do Morrazo e considerado un privilexiado 'balcón da ría' pola panorámica que por enriba do núcleo urbano de Marín ofrece, coa illa de Tambo en frente e o arquipélago de Ons no horizonte.
Tamén houbo paradas en diversos puntos de interese etnográfico, natural e patrimonial: a fonte e as proximidades do nacemento do rego da Agrela, ademais de diversas estacións dos conxuntos rupestres da Carrasca, Champás, Sete Camiños e Pornedo datados na Idade do Bronce, que presentan numerosas representacións de arte rupestre, como cazoletas, figuras zoomorfas, círculos concéntricos, espirais e armas.
Tamén destacou a presenza, ao longo do camiño, de diversos gravados modernos realizados polo marinense José Meijón no pasado século XX.
As explicacións correron a cargo de Cándido Martínez, en representación da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e do colectivo ecoloxista Luita Verde, e de Paulo Troitiño, do Grupo Micolóxico-Naturalista Liboreiro e experto en fauna, flora e arte rupestre do Morrazo. Entre as e os asistentes tamén se atopaban representantes da Federación Ecoloxista Galega, que na súa última asemblea anual celebrada en Pontevedra o pasado mes de marzo, aprobou apoiar a causa da Asociación Monte Pituco pola protección e conservación deste Espazo Natural dos Montes do Morrazo, ameazado polo proxecto de construcción dunha área industrial.
Con esta andaina polos montes de San Xulián, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo puxo fin a esta tempada de roteiros pola protección natural, cultural e paisaxítica da bisbarra morracense, que se retomarán á volta do verán.