Trala decepción de onte ante a finalista Francia, a Selección Galega de Fútbol Gaélico tiña por diante 3 partidos para resarcirse. Comezou xogando contra o equipo da Asociación Chinesa, Beijing GAA, ao que arrollou por 5-09 (24) a 0-01 (1). O partido foi de total dominio dos galegos chegando constantemente os xogadores de mediocampo ás proximidades da portería chinesa. Juan Mejuto, xogador de traballo dos Ártabros de Oleiros, permitiuse unha exhibición ofensiva marcando 2 goles e 3 tantos a paos.
O segundo partido era trascendental. Tocaba xogar contra un dos grandes favoritos e unha potencia do fútbol gaélico fóra da Irlanda, a Selección da Asociación de Chicago. O partido dos nosos foi de moito oficio, cunha defensa extraordinaria ante o perigoso ataque directo dos norteamericanos. Mais o que non agardaban os de Chicago era os contragolpes, especialidade da casa dos galegos, e os composteláns Rubén e Adriano decidiron o resultado cos seus 3 goles. Ao final, Galicia daba a badalada e metíase no derradeiro partido polo 3º posto cun acumulado de 3-04 (13) a 1-07 (10).
Chegaba, agora si, o partido que podía mudar todo o bo sabor do día ou darlle aínda un toque máis doce. A final de consolación (Plate) contra San Francisco foi sorprendentemente un paseo para a nosa Selección que estaba con confianza máxima no seu xogo e nas súas posibilidades. Ata 6 xogadores galegos anotaron para un resultado final de escándalo: 5-08 (23) a 1-02 (5).
Deste xeito, a Selección masculina remata o Campionato cunha grandísima sensación, cun total de 6 vitorias (Bretaña, Alemaña, Arxentina, China, Chicago e ), 1 empate (Sudáfrica) e só 2 derrotas (Nova Iorque e Francia, as dúas finalistas que xogarán mañá). Traen á nosa terra un trofeo Plate (terceiro posto) que sabe a gloria e deixan en Dublín un toque de atención para a familia do fútbol gaélico: a nosa Selección chegou ao podio mundial e non ten pensado baixar del.