O festival ten como principal obxectivo "visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso" e así mesmo aposta por "amosar, defender e pór en valor outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo". "Defendemos a diversidade tanto social como natural, e queremos dar voz e apoio ás reivindicacións e mobilizacións agrogandeiras", resumen as súas organizadoras. Outro dos grandes obxectivos é "a inclusión e participación da vila e dos seus habitantes", contribuíndo á "dinamización da comarca a través do impulso de lazos colaborativos e cooperativos que fo-menten a transformación social".
Nesta edición búscase dar unha "especial visibilidade" á muller do rural, "verdadeiro soporte dunha forma de vida e produción en íntima conexión coa terra como forma de vida". "A todas esas mulleres anónimas e silandeiras que, sabéndose diferentes na súa afectividade e renunciando incluso ao amor, deron a súa vida e sabedoría polo mantemento da vida no rural", salientan. Sinalan, igualmente, que "non fai falla ser gay para vir e gozar do Festival Agrogay, nin tampouco vivir na aldea. Simplemente estar de acordo cos valores que defendemos".
As actividades comezarán ás 19 horas na Praza do Alcalde, cunha presentación do festival, que será continuada polos concertos de Sofía Espiñeira e Os Modernos e unha sesión DJ, todo con entrada libre. O sábado os eventos celebraranse na Granxa Maruxa, situada na localidade de Cumbraos, a 3 quilómetros de Monterroso, con entradas a 6 euros e un aforo limitado a 600 persoas.
Feira de Artesanía, Loita Tradicional Galega, teatro contacontos (a cargo de Brais das Hortas), teatro (a cargo de Chévere, representando As fillas bravas) precederán á lectura do Manifesto e á entrega de premios á Visibilidade Agrogay. Ás sete da tarde está programado o concerto de A Banda das Crechas. Ás 20.30 horas levarase a cabo unha "integración na vila de Monterroso", cunha ruta de bares Agrogay Friendly e un pasarrúas musical folk. A partir da medianoite, unha Sesión Golfa con Moreno Moreno Dj na carballeira da Área Natural A Peneda pechará a terceira edición deste festival.
Haberá autobuses gratuítos para transportar os e as participantes entre o centro de Monterroso e a Granxa Maruxa e Área Natural A Peneda. O Colectivo Agrogay da Ulloa organiza este festival "autosustentado, sen ánimo de lucro, coa única intención de alcanzar os obxectivos anteriormente descritos e cubrir os gastos xerados pola organización do evento", destacan.