Dous traballadores da multinacional Burger King, di o sindicato, foron despedidos o pasado sábado 10 de setembro con falsas acusacións por parte da empresa, despois de que nos centros composteláns desta cadea de hamburguesarías comezase un período de organización de todo o persoal, en torno ás siglas da CUT e á defensa dos seus dereitos laborais máis básicos.
Días antes de ser despedidos, ambos os traballadores, onde outros traballadores e traballadoras do cadro de persoal, interpuxeron demanda no SMAC por débedas salariais que superan en todos os casos os 2000 €, que derivan dos máis diversos incumprimentos do Convenio Colectivo. Ademais, comunicaran debidamente á empresa a súa afiliación sindical.
Durante este verán, nos centros da rúa da Senra e do Centro Comercial das Cancelas o cadro de persoal convocou a través de asembleas eleccións sindicais, por primeira vez na historia destes centros, que se saldaron coa elección do delegado Javier Cao (na Senra), e Sara Reina (nas Cancelas), ambos polas siglas da CUT e con maiorías absolutas.
O proceso que levou ao cadro de persoal a promover eleccións foi a inexistencia de dereitos laborais básicos. "Salarios de miseria incumprindo o Convenio, horas traballadas e impagadas á mantenta, a inexistencia dun calendario que viña provocando que as vidas das traballadoras/es estivesen á absoluta disposición da patronal, sen dereito a vacacións pagas ou a baixas por IT retribuídas, sen posibilidade sequera de tomar os correspondentes días para coidar dos nosos familiares hospitalizados (que de desfrutarse debían ser recuperados)", din na CUT.
Segundo a delegada do Centro das Cancelas, Sara Reina, “A patronal está moi equivocada se pensa que os imos deixar tirados. Estamos en loita e esta situación só ten unha saída: a readmisión dos despedidos. Mobilizámonos para vencer!”. Ademais asegura que “non se descarta por parte do persoal o inicio dunha folga para esixir a súa readmisión”.
Na noite de onte unhas trinte persoas, principalmente traballadoras/es do Burger, concentráronse ás portas do centro das Cancelas, esixindo a readmisión dos seus compañeiros. Danse por sentadas novas mobilizacións nas semanas próximas.