No Casaquistán dos anos 50, Alyonka, unha rapariga de nove anos, é enviada polos seus pais a estudar na cidade. Na súa viaxe estará acompañadas por moitas persoas, representativas da vida entre Casaquistán e Rusia, que se desprazan tamén a través do país, e descubrirá así as súas penas e as súas alegrías, os seus soños e os seus problemas.
Con este argumento, Alyonka reflíctese claramente como unha homenaxe a todas aquelas persoas que nos anos 50 desprazábanse a través da Unión Soviética para estabelecerse nas granxas colectivizadas que marcaron esa época. Mais lonxe de ser un propagandista, Barnet céntrase na dimensión humana dos carácteres populares que poboan a viaxe, achegándose a eles con humor e agarimo para presentar un mundo onde o idealismo loita a miúdo coa alma humana.
As historias dos viaxeiros, presentadas como lembranzas en flashback, sérvenlle a Barnet para explorar posibilidades visuais, narrativas e temporais. Nunha vasta chaira onde a achega estilística aos personaxes podería ser un desafío, a ollada do realizador nunca fica sen rumbo, sempre esta en camiño cara algures. Mais a cámara non se limita a seguir alguén: todos os planos están a descubrirnos algo novo.
Nacido en Moscova en 1902, Boris Barnet estudou na Escola de Cinema de Moscova e comezou a súa carreira cinematográfica como actor, en filmes como As aventuras extraordinairas de Mr West no país dos bolxeviques (1924) de Kulechov ou A febre do xadrez (1925), de Pudovkin. Tras codirixir Miss Mend con Fedor Ozep, en 1927 iníciase na realización en solitario con A rapaza da fábrica de chapeus, xa proxectada no Cineclube. É o comezo dunha carreira de vinte filmes, entre os que se atopan algúns como Arrabaldes (1933) e Á beira do mar máis azul (1936), Axente secreto (1947) ou O loitador e o pallaso (1957). En 1965 suicídase en Riga.
Subestimado durante moito tempo, Barnet é reivindicado cada vez máis como un dos grandes cineastas da Unión soviética. Nas palabras de Georges Sadoul, trátase “indubidabelmente do mellor autor soviético de comedias”. Un dos cineastas que se ten confesado admirador de Barnet é Jean-Louis Godard, que escribiu: “Fai falta ter un corazón de pedra para non ter interese nos filmes de Barnet”.
A vindeira semana, a programación de outubro continúa no Cineclube coa proxección, a cuarta feira 26, de O nadador (The Swimmer, EUA, 1968), un drama de Frank Perry, baseado no conto homónimo de John Cheever e protagonizado por Burt Lancaster. Xunto con el poderemos ver O nadador (El nadador, Estado Español, 2013), de Fermín Jiménez Landa, no que o artista reproduce a viaxe deste filme a través de todo o Estado español.
Os filmes van ser proxectado na súa versión orixinal con subtítulos en. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo de filmes do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
OUTUBRO 2016
Mércores 19 de outubro ás 21:30 no Pichel
Alyonka
(Алёнка [Alyonka], Boris Barnet, URSS, 1961, 86′, VOSG)
Mércores 26 de outubro ás 21:30 no Pichel
O nadador
(El nadador, Fermín Jiménez Landa, Estado Español, 2013, 9’, VO)
O nadador
(The Swimmer, Frank Perry, EUA, 1968, 95’, VOSG)