Publicidade

Diário Liberdade
Sexta, 21 Outubro 2016 11:39 Última modificação em Terça, 25 Outubro 2016 14:42

Touradas Fora de Ponte Vedra rejeita decisom do TC espanhol e apoia Catalunha na proibiçom das touradas

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Direitos nacionais e imperialismo, Consumo e meio natural / Fonte: Diário Liberdade

A decisom do Tribunal Constitucional espanhol chega sob pretexto de que a selvagem tortura animal praticada no país vizinho seria umha expressom cultural protegida. Dado que a legalidade espanhola ainda vigora no Principado da Catalunha, o Constitucional deixa sem efeito a decisom do parlamento autónomo de Barcelona de proibir as touradas.

Numha decisom carregada de ódio contra a Catalunha, o Tribunal Constitucional espanhol tenta humilhar pola enéssima vez aquele país. Contodo, de Barcelona já se assegurou que "diga o que dixer o Tribunal Constitucional [espanhol] nom voltará a haver touradas na Catalunha".

A plataformaTouradas Fora de Pontevedra também se posicionou sobre o assunto com um comunicado de rejeitamento à decisom do TC espanhol e de apoio ao Povo Catalám na proibiçom da brutal e estrangeira "tradiçom":

O pobo catalán decidiu abolir as touradas, uns cantos xuíces pretenden que volvan...

No día de hoxe soubemos que o Tribunal Constitucional, resolvendo o recurso impulsado polo PP (partido favorábel à tortura animal, polo que se ve), decidiu tumbar a decisión democrática do Parlament de Cataluña que permitiu a abolición as touradas en 2010. Diante deste atropelo, desde Touradas fóra de Pontevedra queremos transmitir:

- Rexeitamos totalmente a decisión do Tribunal Constitucional, que pasa por riba das competencias da Generalitat e, sobre todo, da vontade democrática do pobo catalán. Este organismo tomou a decisión política, non xurídica, de exercer como escudo do sanguento negocio das touradas, que o pobo catalán decidira, felizmente, abolir. Que é unha decisión política demóstrao o feito de que as touradas levaban abolidas en Canarias desde 1991 e a ninguén se lle ocurrira anular esta situación; que pasaba, entre 1991 e 2010 abolir as touradas non era inconstitucional e agora resulta que si?, hai un cuarto de século Canarias non se “extralimitara nas súas competencias” e agora Cataluña si? A distancia entre o pobo e as institucións do Estado é cada vez maior e decisións como esta axudan a entender por que.

- O TC, segundo recollen os medios, apela principalmente ao feito de as touradas seren consideradas “patrimonio cultural” en leis aprobadas polo Partido Popular nos últimos anos e que  buscaban precisamente blindalas, conscientes de que son cada día máis cuestionadas e rexeitadas en todo o Estado español (igual que as demais “festas” baseadas na tortura animal). Que podemos dicir ante isto que xa non fose dito mil veces... non se poden colocar as tradicións por riba da razón e da crítica ética se é que queremos mellorar como sociedade. É patrimonio cultural digno de protección un negocio que é rexeitado por unha parte crecente da sociedade? Merecen a consideración legal de patrimonio cultural común actividades que xeran división e controversia e que non contan con suficiente consenso social?

Outros argumentos do dictame do TC que trascenderon nas últimas semanas, e á espera de coñecer a resolución na súa integridade, foron a “liberdade de empresa” e até algo tan curioso neste caso como a “protección de minorías culturais”. No primeiro caso, sabemos que neste mundo a “liberdade de empresa” xustifica calquera barbaridade, e supoñemos que en breve o camiño aberto polo tribunal permitirá legalizar a prostitución, o tráfico de órganos ou calquera outro interesante filón económico agora restrinxido por leis que defendan cuestións sen importancia como a dignidade humana e outras polo estilo. O de estar protexendo os dereitos de “minorías culturais” en Cataluña é bastante pintoresco: quen conforma a suposta minoría cultural e por que tería dereito a torturar e matar touros para se divertir?

- Os empresarios da tortura e da morte saben que o tempo corre na súa contra porque a evolución da sociedade fai que o seu negocio sexa visto cada vez máis como anacrónico e fóra de lugar. Por iso utilizan toda a súa capacidade de influencia e as súas ligazóns na política e no Estado para tentar manter as touradas, mesmo contra a vontade democrática como neste caso. Non deberían emocionarse moito coas súas victorias pírricas.

- Encoraxamos as institucións catalás a desobeceder esta inxusta decisión e a manter a prohibición das touradas no seu país. O deber do goberno e dos concellos cataláns é ser fieis á decisión democrática tomada en 2010 e que ademais respondeu á presentación dunha iniciativa popular apoiada por 180000 persoas (moitas máis que calquera iniciativa protaurina, por certo).

- Nós seguiremos a mobilizar e crear conciencia abolicionista até conseguirmos que, canto antes, as touradas sexan historia. Esperamos que, co tempo, esta loita axude a que tamén o Parlamento galego aprobe a abolición das touradas, diga o que diga calquera institución alonxada do pobo. No camiño cara ese día, esperamos tamén que o noso Concello poña todo da súa parte para dificultar ao máximo a organización de touradas en Pontevedra.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar