Publicidade

Diário Liberdade
Terça, 25 Outubro 2016 17:38

'O nadador' de Frank Perry, e o projeto de Jiménez Landa baseado nesse filme, no Cineclube de Compostela

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Resenhas / Fonte: Cineclube Compostela

Cineclube de Compostela remata a programación de outubro coa proxección, este mércores 26, de O nadador (The Swimmer, EUA, 1968), un drama de Frank Perry, baseado no conto homónimo de John Cheever e protagonizado por Burt Lancaster. Xunto a esta longa poderemos ver O nadador (El nadador, Estado Español, 2013), de Fermín Jiménez Landa, no que o artista reproduce a viaxe deste filme a través de todo o Estado español. As proxeccións terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21:30 horas.

Tras estar desaparecido todo o verán, Ned Merrill acude a unha festa na piscina duns amigos nunha zona residencial de clase alta na contorna de Connecticut. Entre as conversas da festa, alguén comenta que todo o val está cheo de piscinas privadas, formando unha sorte de río. Ned decide entón percorrer todo o val nadando de piscina en piscina até chegar á súa casa. Polo camiño, vai atopar a varias das mulleres que formaron parte da súa vida e descubrir aspectos da súa vida que semellaba ter esquecido.

Con este argumento tirado do célebre conto de John Cheever, O nadador comeza como un filme realista clásico. Mais aos poucos revélasenos como algo completamente apartado das fitas tradicionais dos estudos, unha obra delicada e estilizada, que raia co experimental e que se apoia tanto no uso de múltiplas metáforas como no xogo constante de efectos estilísticos e rupturas do ton.

A orixinal posta en escena que Perry propuña foi a fonte de enfrontamentos constantes co produtor, Sam Spiegel, que non compartía a súa visión do filme, e que mesmo chegou a expulsalo do plató para remprazalo por un novísimo Sydney Pollack, que dirixiría unha das secuencias da fita. Contodo, e malia ao fracaso comercial de O nadador no seu tempo, a crítica veu reivindicando a súa tremenda orixinalidade nos últimos anos, até convertelo nun título de culto.

Nado en Nova York en 1930, Frank Perry traballou desde a súa mocidade na produción de obras de teatro e documentarios para a televisión. Tras regresar da guerra de Corea, introdúcese de cheo na industria cinematofráfica como produtor, e debuta como director en 1962 co filme de baixo presuposto David e Lisa, no que inicia a colaboración coa súa dona, Eleanor Perry, como guionista e co que será nominado ao óscar como mellor director. Logo de novos traballos para a televisión, filma os seus títulos máis reputados, O nadador, O derradeiro verán (1969), Triloxía (1969) e Diario dunha ama de casa desesperada (1971).

Nos anos 70, coincidindo coa ruptura coa súa dona, comeza unha época de interese menor na filmografía de Perry, con traballos menores nos que destacan títulos como Play It As It Lays (1972), Home nun columpio (1974), Rancho Deluxe (1975), Benquerida mamá (1981) ou Monseñor (1982). O seu derradeiro traballo como director foi Na ponte (1992), un documental sobre a súa loita contra o cancro de próstata, que finalmente o levou á morte en 1995.

Xunto a este filme poderemos ver o vídeo de Fermín Jiménez Landa (Pamplona, 1979), no que, inspirado polo conto de John Cheever e o filme de Frank Perry, este artista dibuxa unha liñ recta perfecta de piscinas coa axuda de Google Maps e un teléfono con GPS e cruza o estado nadando un río de piscinas desde Tarifa até a piscina dos seus pais en Pamplona. A metraxe non disimula o carácter que adopta a viaxe, máis preto dun relato biográfico a ras de chan que dunha pomposa e calculada orquestración narrativa.

No mes de novembro, o Cineclube de Compostela vai programar un ciclo de proxeccións dedicado a filmes do ano 1939, que comezará o vindeiro mércores 2. Nos próximos días, informaremos dos títulos que van compór o ciclo.

Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal, con subtítulos en galego no caso da longametraxe. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo de filmes do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.

OUTUBRO 2016

Mércores 26 de outubro ás 21:30 no Pichel
O nadador
(El nadador, Fermín Jiménez Landa, Estado Español, 2013, 9’, VO)
O nadador
(The Swimmer, Frank Perry, EUA, 1968, 95’, VOSG)

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar