A manifestación comezou ás 11:30 horas dende Praza América, dirección ao Sireno, mais soamente marcharon a esa hora Galiza Nova, Erguer, e a CIG, sindicato nacionalista que ten unha ampla maioría no sector do ensino, cun 90 % dos afiliados no profesorado. Ás 12:00 partiu outra manifestación dende o mesmo lugar e co mesmo percorrido. Esta foi convocada por CCOO e UXT, a plataforma estatal pola defensa da educación pública e outras organizacións estudantís, así como independentes, entre os cales destacan os organizados na recentemente creada Asemblea Aberta de Vigo.
Sen entrar no tema de quen tivo a “culpa” da falta de unidade na convocatoria, o feito é que isto supón un erro importante para o movemento estudantil e pola defensa do ensino público. Había anos que non se convocaba unha folga educativa xeral de profesores e estudantes. Houbo grande afluencia, mais esta quedou debilitada pola división nas nosas filas. Como xa discutíramos aquí y aquí, a unidade de acción de todos os axentes é necesaria para acadar a derrogación das leis reaccionaras coma a LOMCE e máis os proxectos privatizadores como o 3+2, así como os continuos ataques e axustes contra o sector educativo.
Porén, recalcamos que iso non significa que renunciemos á crítica profunda ás direccións dos sindicatos maioritarios, que coa súa política de escasa mobilización e “paz” social, foron cómplices estes anos de crise capitalista dos ataques aos servizos públicos e o pobo traballador. É por elo que a prioridade é xerar asembleas soberanas por centro e facultade, os lugares decisorios do movemento estudantil. Asembleas onde todas as organizacións estudantís e máis os estudantes independentes, poidan intervir, coas liñas comúns da unidade de acción e a organización da loita social contra calquera ataque ao estudantado.
Por outra banda, existen reivindicacións locais que, a curto ou medio prazo poden chegar a cumprirse en Vigo. No caso da universidade, hai unha demanda de máis bibliotecas e maiores horarios, de prácticas remuneradas de empresa, así como os exames de idiomas B1 e B2 de balde, a gratuidade do boleto de transporte ao CUVI no aforas e la redución considerábel do transporte urbano en xeral. Reclámanse tamén maiores espazos de expresión social e política na universidade, e tamén un espazo de reunión habilitado en cada centro de estudo, contra a Universidade dos bancos e as empresas.
Algunhas destas demandas son alcanzábeis nun período curto de tempo, e poden dar moral aos estudantes para seguiren avanzando. Mais non hai que perder de vista o horizonte de tombar as principais leis e ataques do goberno e o capital. É máis, tampouco podemos conformarnos co que tiñamos antes da crise.
É o noso dereito conquistar un sistema de ensino ao servizo das necesidades sociais, de balde e de aceso universal, que desenvolva as capacidades de cada individuo para acadar a súa felicidade, e tamén do colectivo. Un ensino conectado co mundo do traballo, mais non co actual mercado laboral de explotación, se non co mundo libre de todas as opresións que queremos construír. A mocidade, o estudantado e a clase traballadora temos dereito a un futuro mellor.
Publicado originalmente em espanhol em http://www.izquierdadiario.es/
Traduçom de Jacobo A. Garcia