Publicidade

Diário Liberdade
Quinta, 31 Mai 2018 18:43

Onde vai o réxime: a España Cidadá de Rivera

Avalie este item
(0 votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Nun recente articulo na web alguén formulaba a seguinte pregunta: haberá que comezar a falar do réxime do 155/135 e non do Réxime do 78?, porque bastantes sectores da esquerda comezan a falar de “ditadura”. Eu opino que, aínda que haxa elementos máis que dabondo para empezar a exporllo, aínda estamos no réxime cuxos limites veñen marcados pola constitución do 78.


Dialéctica e cambio réxime

Di unha lei da dialéctica que “a acumulación cuantitativa provoca, nun momento dado, un salto cualitativo que cambia a esencia do vello”. O decisivo non é, neste momento describir a acumulación cuantitativa que todos e todas coñecemos, son máis que obvios: corrupción galopante, descrédito das institucións, tanto a fundamental, a monarquía, como o aparello xudicial,... e xa non digamos dos partidos e sindicatos que sosteñen o réxime.

A clave esta nese momento (o “momento nodal” de Hegel) no que a acumulación cuantitativa dá o salto, e modifícase a esencia. Para ese momento prepáranse, porque aínda non chegou... Saben que chegará, necesítano posto que son incapaces de reconstruír a lexitimidade que tiña o réxime tras o golpe do 23 F.

O 15M do 2011 e as Marchas da Dignidade de 2014, aderezado do gran ascenso da mobilización obreira e popular dese tres anos, provocaron a ruptura da poboación cos partidos do réxime, e deron un paso máis, impuxeron a dimisión do vello rei, que si estaba lexitimado ante a poboación grazas ao 23 F e, sobre todo, contaba co consenso de todos os sectores do capital, desde os máis franquistas ata os máis “democráticos”.

Acumulábanse as condicións para un cambio de réxime naquel momento, cando xurdiron mobilizacións en todo o estado expondo “queremos decidir”, en referencia a un referendo “monarquía ou república”. Podemos foi a encargada de reconducir toda esta indignación social que ameazaba con abrir un proceso constituínte que dese ao traste co réxime do 78. Desde a cúpula de Podemos comezouse a falar dunha maneira ambigua de “un proceso constituínte”, que non se sabía moi ben se era de “constituír un novo partido”, ou dun verdadeiro proceso de elaborar unha nova constitución. A creación de Podemos sacou de dúbidas, era un novo partido que, arrogándose a representación dos “indignados”, reconstruíse a maltreita lexitimidade do réxime.

A mobilización social desapareceu, metéronnos nun “tren de eleccións”, prometeron “asaltar os ceos”,... e a crise do 2014 desapareceu. Para iso contan cunha das características dos pobos do estado español, a súa memoria de peixe; o que paso no 2014 é historia, está amortizado e “auga pasada non move muíños·.

Un dos dramas da esquerda do estado español é que é filla desa característica, e de que o marxismo nunca enraízo nela. Ao contrario do que pensa esa esquerda, o pasado nunca se amortiza acumúlase, como di a lei da dialéctica, cuantitativamente en principio; e de súbito, vén un motivo, moitas veces mesmo nimio, que fai explotar esa acumulación cuantitativa, provocando o salto cualitativo.

Eles se pensan dialecticamente: prepáranse para o salto

Como a esquerda do estado español está abonada a ese método non dialéctico de pensar, fai borrón e conta nova, e a “outra cousa”. Pero a realidade é máis teimuda, e a acumulación de condicións para que o réxime do 78 explote sigue dándose, porque non conseguiron reverter a sua deslexitimación.

Ese réxime ten un pecado orixinal, é fillo do franquismo, mantivo as súas institucións fundamentais e o franquismo sociolóxico non foi derrotado. Un exemplo, hai uns anos, centos de netos e netas de militantes nazis en Alemaña foron aos campos de concentración a pedir perdón publicamente polos crimes dos seus avós. É concebible no Estado Español unha reacción similar?

Lexitimárono a golpe de ameaza de intervención militar -que se renova agora coa crise en Catalunya-; desa lexitimación fixeron parte os partidos maioritarios da esquerda, o PCE e o PSOE, e os seus sindicatos, CCOO e UXT, convertendo en demócratas o que só eran franquistas (os fundadores de AP e despois o PP), ou neofranquistas. Por elo, non chegou a ter nunca unha verdadeira lexitimidade baseada nunha ruptura radical co pasado; senón que se transmitiu ao presente.

Tentaron, coa dimisión do vello rei, lexitimar a un novo, “mellor preparado”, casado cunha “plebeia” (cousa que os sectores máis monárquicos non lles perdoan), republicana e de familia de esquerdas.

Pero os elementos estruturais da crise perviven, que non é outra que o propio capitalismo español, baseado na máxima de Unamuno “que inventen eles”, ... nós saqueamos as contas do estado, superexplotamos á clase traballadora, etc.

A pesar dos intentos, a deslexitimación aumenta e con ela a crise do réxime. Todas as medidas represivas dos últimos anos van dirixidas, xusto, a conter pola vía da coerción o que non conseguen xa polo consenso social; o pau substituíndo a cenoria.

Pero deron un paso máis nesa preparación do salto cualitativo que eles son conscientes, vaise a ter que dar: o discurso de Alberto Rivera na creación da España Cidadá e a utilización de bandas de provocadores, sobre todo en Catalunya.

Mentres critican ao independentismo catalán, e aos que defenden os dereitos de Catalunya de non falar do que “realmente importa”, coma se os salarios, o traballo, a vivenda ou as pensións, non dependesen do réxime en que se vive; eles se falan de “España”, nun discurso que pon os pelos de punta: ten un tufo xoseantoniano, guerracivilista, que debería acender todas as alarmas nos demócratas, aínda que o nivel de tolerancia no estado español estea moi baixo.

O discurso de Rivera non é un raio en ceo sereno, senón que marca cara a onde vai o réxime do 78 na súa agonía, a disolverse baixo o silencio de todos os medios, mentres a esquerda discute se chalé de Igrexas ou non, ou como moito “do que importa”. Como di o refrán oriental, “mentres o sabio sinala a lúa, o necio mira o dedo”. Están a cambiar as características do réxime sen grandes modificacións constitucionais pois non os precisan, a esencia neofranquista está na constitución; para dar o salto cara a outro que sen romper con certas formas democráticas (o voto cada catro anos polos partidos do réxime), garantir constitucionalmente a estabilidade burguesa por outros 40 anos.

O novo réxime non será fascista

Non nos confundamos, non imos a un réxime fascista como o de Franco, Mussolini ou Hitler. O fascismo é unha ferramenta que aínda non precisan dela, pois non está en cuestión o sistema capitalista, a propiedade privada dos medios de produción e financeiros, ninguén apunta subxectivamente cara á revolución socialista, e por iso o fascismo non está á orde do día. Outra cousa é que teñan bandas fascistas que presionen no sentido que eles queren, pero iso non é fascismo.

O fascismo é a utilización de métodos de guerra civil contra a poboación, represión masiva; é a anulación de todos os dereitos democráticos, incluído o voto e os partidos, incluso os do réxime. Cando o fascismo se impón, a burguesía renuncia a dirixir ela mesma a vida política a través dos seus partidos, e confía o poder en bandas como os SS e a SA, os “camisas pretas”, a Falanxe e o exercito... Manda por delegación, porque ten que derrotar ao movemento obreiro e a revolución socialista. Iso é o fascismo.

Ao que imos, se non o impedimos, é un réxime de excepción ao estilo do 155 en Catalunya, coas liberdades democráticas na súa mínima expresión (o voto cada catro anos e pouco máis), e asi disciplinar á clase obreira e os pobos do estado; que abandonen as súas veleidades independentistas, de recuperación de dereitos sociais e políticos roubados estes anos, etc. Para aumentar a explotación da clase obreira; o discurso de “España cidadá” vai acompañada dunhas propostas de relacións laborais que acabarían, mesmo, co catro cousas que quedan tras as reformas do PPSOE.

A clase traballadora, mentres, atada polas súas direccións políticas e sindicais, mirando “para o dedo”, mentres cambian aos poucos (a “choiva fina” de Aznar) a esencia do réxime.

A esquerda non pode seguir mirando para outro lado, “para o que importa”, sen entrar a saco na discusión central: que réxime necesitamos para garantir unha saída obreira e democrática á crise?. Xa esta ben de facer as discusións que marcan os propagandistas do réxime (todos os medios), silenciando o que realmente están a facer, cambiar as regras do xogo (isto e non outro é unha constitución) nun sentido máis regresivo, se cabe.

Non esperemos a que estale nos narices o “momento nodal” no que a acumulación cuantitativa salte á cualitativa; posto que se estamos a outra, ese salto será capitalizado polos Riveras.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar